Ácido graxo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un ácido graxo é un ácido orgánico que leva un grupo carboxilo no extremo e unha cadea hidrocarbonada. Xeralmente a cadea é longa, lineal e non ramificada, pero en moitos organismos incluído o home hai tamén cadeas curtas ou ramificadas, normalmente con grupos metilo, ou mesmo, en bacterias, cadeas cíclicas[1]. Os ácidos graxos son moléculas de natureza lipídica. As súas cadeas hidrocarbonadas son case sempre de número par de átomos de carbono, e poden ser saturadas (con todos os enlaces entre os carbonos sinxelos) ou insaturadas (con algún ou varios dos enlaces entre os carbonos non sinxelos).
En xeral, a fórmula dun ácido graxo saturado podémola escribir así:
H3C-CH2-CH2-CH2- ...-COOH, ou tamén R-COOH, onde R variará dun a outro.
Os ácidos graxos raramente aparecen libres, xa que normalmente forman parte doutros lípidos. Os lípidos que conteñen ácidos graxos chámanse saponificables, xa que os seus ácidos graxos reaccionan cos álcalis formando xabóns. Forman parte dos triacilglicéridos, fosfolípidos, glicolípidos e ceras, nos que están esterificados a alcohois. Forman a parte hidrófoba dos lípidos que forman pare das bicapas lipídicas das membranas celulares. Onde máis cantidade de ácidos graxos se acumulan é nas graxas do tecido adiposo, formando parte dos triacilglicéridos.
A súa función é estrutural (formando parte dos lípidos de membrana), de reserva enerxética (nos lípidos do tecido adiposo), ou como precursores biosintéticos de lípidos.