Alemaña nazi
Alemaña durante o período entre 1933-1945, cando o goberno estaba controlado por Adolf Hitler / From Wikipedia, the free encyclopedia
Alemaña nazi e Terceiro Reich son os nomes comúns para designar a Alemaña durante o período entre 1933-1945, cando o goberno estaba controlado por Adolf Hitler e o seu Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), máis coñecido como Partido Nazi. Baixo o goberno de Hitler, Alemaña foi transformada nun estado totalitario, onde case todos os aspectos da vida eran controlados polo Estado. A Alemaña nazi deixou de existir despois de que as Forzas Aliadas derrotaran a Wehrmacht en maio de 1945, co que rematou así a segunda guerra mundial en Europa.
Despois de Hitler ser nomeado chanceler de Alemaña polo Presidente da República de Weimar, Paul von Hindenburg, o 30 de xaneiro de 1933, o Partido Nazi comezou a eliminar toda a oposición política e consolidar o seu poder. Hindenburg finou o 2 de agosto de 1934, e Hitler converteuse en ditador de Alemaña, cando os poderes e as oficinas da chancelaría e a presidencia foron fundidas. Un referendo nacional realizado o 19 de agosto de 1934 confirmou a Hitler como único Führer (líder) de Alemaña. Todo o poder centralizouse nas mans de Hitler, e a súa palabra estaba por enriba de todas as leis. O goberno non era un corpo de cooperación coordinada, senón unha colección de faccións que loitaban para acumular poder e gañar o favor de Hitler. No medio da Gran Depresión, o nazismo restaurou a estabilidade económica e rematou co paro masivo usando gastos militares pesados e unha economía mixta. Realizouse unha gran cantidade de obras públicas, incluíndo a construción de Autobahns (estradas de alta velocidade). O retorno á estabilidade económica impulsou a popularidade do réxime.
O racismo, sobre todo o antisemitismo, foi unha das características centrais do réxime. Os pobos xermánicos foron considerados como a representación máis pura do arianismo e, polo tanto, a raza superior. O pobo xudeu e outros considerados indesexábeis foron perseguidos ou asasinados, e a oposición ao goberno de Hitler foi brutalmente reprimida. Os membros da oposición liberal, socialista e comunista foron asasinados, prendidos ou forzados ao exilio. As igrexas cristiás tamén foron oprimidas, con moitos líderes presos. A educación estaba centrada na bioloxía racial, política de poboación e aptitude para o servizo militar. A carreira e as oportunidades educativas para as mulleres foron reducidas. Nas Olimpíadas de verán de 1936 presentouse o Terceiro Reich no escenario internacional. O Ministro de Propaganda, Joseph Goebbels, fixo uso efectivo das películas, mitins e oratoria de Hitler para controlar a opinión pública. O goberno controlaba a expresión artística, promovendo formas de arte específicas e evitaba ou prohibía outras.
Alemaña fixo esixencias territoriais cada vez máis agresivas, baixo ameaza de guerra se non eran atendidas. Á anexión de Austria en 1938 (o que se denominou Anschluss) sumóuselle posteriormente a de Checoslovaquia en 1939. Hitler fixo un pacto con Iosif Stalin e invadiu Polonia en setembro de 1939, o que precipitou o comezo da segunda guerra mundial en Europa. En alianza coa Italia de Benito Mussolini e outras potencias do Eixo, Alemaña conquistou a maior parte de Europa en 1940 e ameazou a Gran Bretaña. Os Reichskommissariats asumiron o control brutal das áreas conquistadas, e unha administración alemá foi fundada en Polonia. O pobo xudeu e outros grupos considerados como indesexables foron aprisionados en campos de concentración. A implantación de políticas raciais do réxime culminou co asasinato en masa de membros do pobo xudeu e doutras minorías no Holocausto, coñecido polo pobo xudeu como השואה, HaShoá, a catástrofe. Trala invasión alemá da URSS en 1941, a marea virou contra o Terceiro Reich, e as grandes derrotas militares chegaron en 1943. O bombardeo a grande escala de cidades alemás, ferrocarrís e centrais de petróleo intensificouse en 1944. Alemaña foi invadida en 1945 pola URSS no leste e polas potencias aliadas polo oeste. A negativa de Hitler a admitir a derrota levou á destrución masiva de infraestrutura alemá e á perda innecesaria de vidas nos meses finais da guerra. Os aliados vitoriosos iniciaron unha política de desnazificación e xulgaron aos líderes nazis por crimes de guerra nos coñecidos como Xuízos de Nuremberg.