Aposematismo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O aposematismo é un termo acuñado por Edward Bagnall Poulton[1][2] para o concepto de Alfred Russel Wallace de coloración de advertencia.[3] Describe un conxunto de adaptacións antipredadores no cal un sinal de advertencia está asociado coa baixa rendibilidade que ten un individuo presa para predadores potenciais.[4] Esta falta de rendibilidade pode deberse a calquera defensa que fai que a presa sexa difícil de comer, como a toxicidade, mal cheiro ou sabor, ou natureza agresiva. O aposematismo sempre implica un sinal de advertencia que pode tomar a forma de coloración rechamante, sons, cheiros[5] ou outras características percibibles. Os sinais aposemáticos son beneficiosas tanto para o predador coma para a presa, xa que ambos evitan un dano potencial.
Utilízase o aposematismo no mimetismo mülleriano, no cal as especies con fortes defensas evolucionan para parecerse entre si. Ao imitaren especies de cores similares, comparten o sinal de advertencia ante os predadores, causando que estes o aprendan máis rapidamente con menos custo para cada unha das especies.
Un sinal aposemático verdadeiro que indica que a especie realmente posúe defensas químicas e físicas non é o único xeito de disuadir aos depredadores. No mimetismo batesiano, unha especie mimetizadora lembra un modelo aposemático de maneira suficientemente fiel como para compartir a protección, mentres que moitas especies presentan exhibicións deimáticas de farol que poden asustar un predador o tempo suficiente para permitir que escape unha presa que en realidade está indefensa.