Carcinóxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un carcinóxeno é calquera substancia, radioisótopo, ou radiación que funciona como un axente que está directamente implicado en causar un cancro. Isto pode deberse á súa capacidade de danar o xenoma ou de afectar a procesos metabólicos celulares. Varias substancias radioactivas considéranse carcinóxenos, pero a súa actividade carcinoxénica é directamente atribuída á radiación, como raios gamma e partículas alfa que emiten. Outros carcinóxenos non son radioactivos, como por exemplo o asbesto inhalado, certas dioxinas, e o fume do tabaco. Aínda que en xeral moita xente asocia a carcinoxenicidade cos compostos químicos sintéticos, é igual de probable que a produzan tanto as substancias naturais coma as sintéticas.[1] Os carcinóxenos non son necesariamente tóxicos de forma inmediata, polo que os seus efectos poden ser insidiosos.
O cancro é unha doenza na que as células normais están danadas, divídense moi rapidamente por mitose e non sofren unha morte celular programada. Os carcinóxenos poden incrementar o risco de cancro ao alterar o metabolismo celular ou danar o ADN directmente nas células, o cal interfire con procesos biolóxicos, e induce a división maligna incontrolada, que finalmente dá orixe a un tumor. Xeralmente, os danos no ADN graves levan á apoptose, pero se a vía da morte celular programada está danada, entón a célula non pode impedir converterse nunha célula cancerosa.
Hai moitos carcinóxenos naturais. A aflatoxina B1, que produce o fungo Aspergillus flavus cando crece en cereais almacenado, noces e manteiga de cacahuete, é un exemplo de potente carcinóxeno natural de orixe microbiana. Certos virus como o da hepatite B e o virus do papiloma humano causan cancro en humanos. O primeiro virus que se viu causaba cancros en animais foi o virus do sarcoma de Rous, descuberto en 1910 por Peyton Rous. Outros organismos infecciosos que causan cancro en humanos son algunhas bacterias (por exemplo, Helicobacter pylori [2][3]) e vermes (como Opisthorchis viverrini [4] e Clonorchis sinensis).[5]
As dioxinas e compostos similares á dioxina, o benceno, o clordecona, o EDB, e o asbesto foron clasificados como carcinóxenos.[6] Xa na década de 1930, o fume industrial e o do tabaco foron identificados como fontes de ducias de carcinóxenos, como o benzo[a]pireno, as nitrosaminas específicas do tabaco como a nitrosonornicotina, e aldehidos reactivos como o formaldehido, que é tamén perigoso nos embalsamamentos e na fabricación de plásticos. O cloruro de vinilo, a partir do cal se fabrica o PVC, é un carcinóxeno e perigoso durante a produción de PVC.
Os cocarcinóxenos son compostos químicos que non necesariamente causan cancros por si mesmos, pero promoven a actividade doutros carcinóxenos para causaren cancro.
Unha vez que un carcinóxeno entra no corpo, o corpo fai un intento de eliminalo por medio dun procedo chamado biotransformación. O propósito destas reaccións é facer ao carcinóxeno máis hidrosoluble para que poida ser eliminado máis facilmente do corpo. Porén, nalgúns casos, estas reaccións poden tamén converter un carcinóxeno menos tóxico nun carcinóxeno máis tóxico.
O ADN é nucleofílico, e, por tanto, os electrófilos de carbono solubles son carcinóxenos, porque o ADN os ataca. Por exemplo, algúns alquenos son convertidos en máis tóxicos (toxicación) por encimas humanos para producir un epóxido electrofílico. O ADN ataca o epóxido, e está permanentemente unido a el. Este é o mecanismo que está detrás da carcinoxenicidade do benzo[a]pireno do fume do tabaco, doutros compostos aromáticos, da aflatoxina e do gas mostaza.
Definición da IUPAC: Carcinoxenicidade: Capacidade ou tendencia de producir cancro. Nota: En xeral, os polímeros non son carcinóxenos ou mutáxenos, porén, os monómeros residuais ou aditivos poden causar mutacións xenéticas.[7]