Catarina Parr
From Wikipedia, the free encyclopedia
Catarina Parr (ela asinaba as súas cartas coma "Kateryn"), nada en 1512 e falecida o 5 de setembro de 1548,[1][2]) foi raíña de Inglaterra e Irlanda coma a derradeira das seis esposas do rei Henrique VIII desde o seu matrimonio o 12 de xullo de 1543 até a morte de Henrique o 28 de xaneiro de 1547. Catarina foi a derradeira raíña consorte da Casa de Tudor, e sobreviviu a Henrique por un ano e oito meses. Con catro maridos, é a raíña inglesa máis casada. Foi a primeira muller en publicar unha obra orixinal so o seu propio nome, en inglés, en Inglaterra.
Catarina gozou dunha estreita relación cos tres fillos de Henrique, María, Isabel e Eduardo. Estivo involucrada persoalmente na educación de Isabel e máis de Eduardo. Ela influíu na aprobación de Henrique VIII coa Terceira Lei de Sucesión en 1543 que restaurou as súas fillas María e Isabel a liña de sucesión ao trono.[3] Catarina foi nomeada rexente de xullo a setembro de 1544 mentres Henrique estaba nunha campaña militar en Francia; no suposto de que perdese a vida, debía gobernar coma rexente até que Eduardo chegase á maioría de idade. Porén, non lle deu ningunha función no goberno no seu testamento. Tras a morte d'el-rei, asumiu o papel de gardiá de súa enteada, Isabel.
No 25 de abril de 1544, Catarina publicou o seu primeiro libro, Salmos ou Oracións, anonimamente.[4] O seu libro Prayers or Meditations tornouse no primeiro libro publicado por unha raíña inglesa o 2 de xuño de 1545. Ela publicou un terceiro libro, "A Lamentación de un Pecador", o 5 de novembro de 1547. Por conta das súas simpatías protestantes, ela provocou a inimizade de funcionarios anti-protestantes, que tentaron virar o rei contra ela; elaborouse un mandato de prisión, probabelmente na primavera de 1546.[5] No entanto, o rei e máis ela axiña se reconciliaron.
Após a morte de Henrique VIII en 1547, Catarina foi autorizada a manter as xoias e vestidos da raíña coma raíña viúva. Case seis meses logo da morte de Henrique VIII, ela casou con seu cuarto e derradeiro marido, Thomas Seymour, 1º Barón Seymour de Sudeley. Seymour era tío do rei Eduardo VI (enteado de Catarina) e irmán máis novo do lord protector de Inglaterra: Edward Seymour, 1º Duque de Somerset, e de Xoana Seymour, terceira esposa de Henrique. O cuarto e último casamento de Catarina foi de curta duración, pois ela morreu o 5 de setembro de 1548 debido a complicacións do parto.[1][6] O seu funeral realizouse o 7 de setembro de 1548[7] e foi o primeiro funeral protestante en Inglaterra, en Escocia ou en Irlanda a realizarse en inglés.[6]