Clarescuro
From Wikipedia, the free encyclopedia
O clarescuro[1] (ás veces en italiano, chiaroscuro) é unha técnica artística (en pintura, debuxo e gravado) consistente no uso de contrastes fortes entre os volumes iluminados e os ensombrecidos do cadro para destacar máis efectivamente algúns elementos. Desenvolvida inicialmente polos pintores flamengos e italianos do cinquecento, a técnica alcanzaría a súa maduración no barroco, en especial con Caravaggio, dando lugar ó estilo chamado tenebrismo.
O termo italiano chiaroscuro, aínda que significa aparentemente o mesmo, é empregado máis especificamente para unha técnica de gravado en xilografía, que por medio de pranchas complementarias dá cores ás imaxes, como se fosen pintadas á acuarela. O primeiro uso coñecido do termo, con este significado, atribúese ó gravador italiano Ugo da Carpi, quen tería tomado a idea de composicións de orixe alemá ou flamenga. Nos gravados de Da Carpi, o efecto do clarescuro destaca unha figura central iluminada por unha fonte de luz normalmente ausente do plano do cadro; porén, as áreas escuras non están tan acentuadas como chegarían a verse na obra dos principais difusores do chiaroscuro, Caravaggio e Giovanni Baglione.
A técnica impoñeríase tamén entre os manieristas, sendo exemplos deste uso a Última Cea de Tintoretto ou o seu Retrato de dous homes, que presaxia as composicións de Rembrandt. O pintor holandés foi un dos máis conspicuos practicantes do clarescuro, utilizando a luz na súa composición para destacar soamente o seu obxecto específico.