Composto organosulfurado
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os compostos organosulfurados ou compostos de organoxofre son compostos orgánicos que conteñen xofre.[1] Cando o composto de organoxofre leva un grupo funcional coa estrutura R-O-SO3− (no que o S está unido a O, pero non a C) denomínase organosulfato. Os compostos organosulfurados a miúdo desprenden fortes cheiros desgradables, pero maioría dos compostos máis doces son derivados organosulfurados, como a sacarina. Na natureza abundan estes compostos e o xofre é un elemento esencial para a vida. Dos 20 aminoácidos comúns hai dous, a cisteína e a metionina, que son compostos organosulfurados, e os antibióticos penicilina e as sulfamidas conteñen tamén xofre. Aínda que os antibióticos que conteñen xofre salvan moitas vidas, outros compostos con xofre non, como o gas mostaza, que é un axente químico bélico mortal. Os combustibles fósiles como o carbón, petróleo e gas natural, que derivan da descomposición de antigos organismos vivos, comteñen compostos sulfurados, e a súa combustión pode xerar óxidos de xofre e estes orixinar chuvia ácida. A desulfuración para eliminalos é un proceso fundamental nas refinerías de petróleo e centrais térmicas.
O xofre forma parte do grupo dos elementos calcóxenos ou anfíxenos, xunto co oxíxeno, selenio e telurio, polo que é de esperar que os compostos organosulfurados teñan propiedades semellantes ás dos compostos de carbono–oxíxeno, carbono–selenio e carbono–telurio.
Unha proba química clásica para a detección de compostos sulfurados é o método do halóxeno de Carius.