Dereito
orde normativa e institucional da conduta humana en sociedade / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dereito é a orde normativa[2] e institucional da conduta humana en sociedade inspirada en postulados de xustiza e certeza xurídica[3], baseado nas relacións sociais existentes que determinan o seu contido e carácter. Noutras palabras, é o conxunto de normas que regulamentan a convivencia social e permiten resolver os conflitos interpersoais.
A anterior definición define o dereito positivo ou efectivo, pero non explica o seu fundamento; é por iso que xuristas, filósofos e teóricos do dereito levan proposto diversas definicións alternativas, sen que exista consenso, ata a data. O estudo do concepto do Dereito realízao unha das súas ramas, a Filosofía do dereito.
A expresión «dereito» utilízase indistintamente para nomear á disciplina e ao seu obxecto de estudo. Así, «dereito» refírese á ciencia do dereito ou a un determinado corpo de normas (por exemplo, dereito civil, dereito penal, dereito procesal, dereito internacional etc.).
Desde o punto de vista obxectivo, dise do conxunto de leis, regulamentos e demais resolucións, de carácter permanente e obrigatorio, criadas polo Estado para a conservación da orde social. Isto é, tendo en conta a validez, é dicir, se se levou a cabo o procedemento adecuado para a súa creación, independentemente da súa eficacia (se é acatada ou non) e do seu ideal axiolóxico (se busca concretar un valor como a xustiza, a paz, a orde, o ben común, etcétera).
O dereito subxectivo é a facultade que outorgou o ordenamento xurídico a un suxeito (por exemplo, dereito á nacionalidade, dereito á saúde, dereito a demandar, dereito a manifestarse libre e pacificamente etc.).[4][5][6][7][8][9]