E.T. the Extra-Terrestrial (videoxogo)
videoxogo / From Wikipedia, the free encyclopedia
E.T. the Extra-Terrestrial (referido tamén simplemente como E.T.) é un videoxogo de aventuras de 1982 desenvolvido e publicado por Atari, Inc. para a consola Atari 2600. Baseado no filme homónimo, foi deseñado por Howard Scott Warshaw. O obxectivo do xogo é guiar o protagonista epónimo a través de varias pantallas de xogo recollendo tres pezas dun teléfono interplanetario que lle permita contactar co seu planeta de orixe.
E.T. the Extra-Terrestrial | |
---|---|
Desenvolvedor(es) | Atari, Inc. |
Distribuidora(s) | Atari, Inc. |
Deseñador(es) | Howard Scott Warshaw |
Lanzamento | Decembro de 1982[1] |
Xénero | Aventuras |
Modos de xogo | Un xogador |
Plataforma(s) | Atari 2600 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Warshaw tiña a intención de que o xogo fose unha adaptación innovadora do filme, e Atari consideraba que acadaría bos números de vendas a causa da súa conexión co filme, que tiña unha gran popularidade en todo o mundo. As negociacións polos dereitos para facer o xogo remataron a finais de xullo de 1982, o que lle deixou a Warshaw só cinco meses e unha semana para desenvolver o xogo a tempo para a súa publicación prevista no Nadal dese mesmo ano.[2] O videoxogo resultante está considerado un dos peores videoxogos publicados e foi un dos maiores fracasos comerciais da historia dos videoxogos. Este fracaso comercial e os efectos que tivo na empresa Atari adoitan citarse como factores contribuíntes na crise norteamericana dos videoxogos de 1983.
Existía unha crenza popular de que como resultado da sobreprodución e devolucións de varios títulos, millóns de copias non vendidas de cartuchos de Atari foran soterradas nun vertedoiro en Alamogordo, Novo México. No ano 2013 fixéronse públicos uns plans para realizar unha escavación que determinaría a certeza dos informes deste soterramento,[3] e en abril do seguinte ano as escavacións realizadas confirmaron que o soterramento incluíra cartuchos de E.T. entre outros títulos de Atari.[4][5] James Heller, anterior director de Atari que estivera a cargo do enterro orixinal, estivo tamén presente nesta escavación e declarou que houbera uns 728 000 cartuchos de varios títulos soterrados no lugar.[6]