Glicosilación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A glicosilación é a reacción na cal un carbohidrato, que funciona como doante de glicosilo, únese a un grupo hidroxilo ou outro grupo funcional doutra molécula, que é o aceptor de glicosilo. En bioloxía a glicosilación refírese en particular ao proceso encimático que une glicanos a proteínas, lípidos, ou outras moléculas orgánicas (ver glicósido). A glicosilación é unha forma de modificación postraducional e cotraducional. Os glicanos realizan varios papeis estruturais e funcionais nas proteínas segregadas e de membrana.[1] A maioría das proteínas sintetizadas no retículo endoplasmático rugoso (RER) sofren glicosilación. É un proceso específico de sitio dirixido por encimas, que se diferencia da reacción química non encimática chamada glicación. A glicosilación está tamén presente no citoplasma e núcleo como unha modificación O-GlcNAc. A aglicosilación, é unha característica dos antibióticos obtidos por enxeñaría para saltarse a glicosilación.[2][3] Poden orixinarse cinco clases de glicanos:
- Glicanos ligados a N (N-ligados) unidos a un átomo de nitróxeno das cadeas laterais dos aminoácidos asparaxina ou arxinina. A glicosilación N-ligada require a participación dun lípido especial chamado dolicol fosfato.
- Glicanos ligados a O (O-ligados) unidos ao átomo de oxíxeno do grupo hidroxilo das cadeas laterais dunha serina, treonina, tirosina, hidroxilisina, ou hidroxiprolina, ou a oxíxenos de lípidos como as ceramidas.
- Fosfo-glicanos ligados por medio do fosfato á fosfoserina.
- Glicanos ligados a C (C-ligados), unha rara forma de glicosilación na que se engade un azucre a un carbono da cadea lateral do triptófano.
- Glipiación, que é a adición dunha áncora GPI que enlaza proteínas a lípidos por medio de enlaces glicano.
- Este artigo trata sobre a glicosilación encimática en bioloxía. Ver tamén glicosilación química e glicación.