Melissa McCarthy
actriz, cómica, escritora, deseñadora de moda e produtora estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Melissa Ann McCarthy, nada en Plainfield (Illinois) o 26 de agosto de 1970,[1] é unha actriz, cómica, escritora, deseñadora de moda e produtora estadounidense.
Comezou a aparecer na televisión e no cinema a finais da década de 1990, e gañou recoñecemento polo seu papel como Sookie St. James na serie de televisión Gilmore Girls (2000–07). Entre 2007 e 2009, interpretou a Dena na telecomedia de ABC Samantha Who? antes de ser escollida como Molly Flynn na sitcom de CBS Mike & Molly (2010–16), papel que lle valeu un Emmy á mellor actriz nunha serie de comedia, así como outras dúas candidaturas nas temporadas seguintes.[2] Tamén foi candidata en cinco ocasións (2012, 2013, 2014, 2016 e 2017) ao Emmy como actriz convidada de comedia polas súas aparicións como presentadora en Saturday Night Live, gañando o premio en 2017.
McCarthy logrou recoñecemento xeral e aclamación da crítica pola súa interpretación na comedia Bridesmaids (2011); por ese traballo recibiu candidaturas ao Óscar como mellor actriz secundaria, aos premio BAFTA e aos Premios do Sindicato de Actores.[3] En 2013, coprotagonizou as comedias Identity Thief e The Heat. Apareceu en papeis secundarios, incluídos The Nines (2007), The Back-up Plan (2010), Así é a vida (2010), This Is 40 (2012) e Resacón 3 (2013). En 2014, McCarthy protagonizou a comedia Tammy e a comedia dramática St. Vincent. En 2015, encabezou a comedia de acción Spy, pola que recibiu unha candidatura ao Globo de Ouro á mellor actriz de comedia ou musical.
McCarthy e o seu esposo Ben Falcone fundaron On the Day, unha compañía de produción. En 2015, recibiu unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood,[4] lanzou a súa propia liña de roupa, Melissa McCarthy Seven7,[5] e foi declarada a terceira actriz mellor pagada do mundo por Forbes.[6][7] En 2016, Forbes nomeouna como a segunda actriz mellor pagada do mundo, con ganancias de 33 millóns de dólares.[8]