Moeda viquinga
moedas da era viquinga / From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda viquinga foi a utilizada na Idade Media, durante a chamada era viquinga en diversas rexións da Europa do Norte e das Illas Británicas.
Antes da cuñaxe e do uso de moedas, a economía viquinga utilizaba eminentemente pezas de metal e lingotes, sen un valor predeterminado, senón que este estaba en función do seu peso e do valor do metal concreto.[2][3]
No século IX as incursións viquingas puxeron en contacto este pobo con outras culturas europeas que estaban familiarizadas co uso da moeda nas súas economías, feito este que influíu no inicio da propia produción de moedas por parte dos viquingos.[3]
Dentro da propia Escandinavia, os viquingos coñecían xa as moedas propias dalgunhas rexións próximas, e mesmo chegaron a ter contacto con emisións de pobos árabes que chegaron a Escandinavia a través do comercio, que tamén supuxeron unha influencia para o desenvolvemento das posteriores cuñaxes viquingas.[3]
Os reinos gobernados polos dinamarqueses nas Illas Británicas, coñecidos como Danelaw, comezaron a producir as súas moedas, con alusións aos seus soberanos e diversas imaxes cristiás. E dentro de Escandinavia, as emisións dos daneses, dos suecos e dos noruegueses tiveron as súas particularidades, sinaladamente pola alusión aos seus respectivos gobernantes, e a habituación ao seu uso seguiu ritmos diferentes en cada rexión.[3]
Os achados de numerosos tesouros de moedas de prata tanto nas Illas Británicas como en Escandinavia proporcionou información acerca da diversidade de tipos e deseños das moedas a nome de cada gobernante, e tamén sobre a influencia de culturas e tradicións monetarias externas. Entre estes achados cómpre salientar algúns producidos no Reino Unido, como o de Cuerdale (consistente en arredor de 7.000 moedas, case todas depositadas no Museo Británico) e o de Silverdale, ambos no condado inglés de Lancashire.[4][5] Ademais destes, os achados producidos en Dinamarca e Suecia amosan unha gran proporción de moedas árabes e fragmentos de diversos obxectos de prata, así como xoias e brazaletes.[6][7]