Nesgo cognitivo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un nesgo cognitivo é un efecto psicolóxico que produce unha desviación no procesamiento mental, o que leva a unha distorsión, xuízo inexacto, interpretación ilóxica, ou o que se chama en termos xerais irracionalidade, que se dá sobre a base da interpretación da información dispoñible, aínda que os datos non sexan lóxicos ou non estean relacionados entre si.[1][2][3] Os nesgos sociais denomínanse xeralmente nesgos atribucionais e afectan ás nosas interaccións sociais de cada día, tamén están presentes na probabilidade e toma de decisións. Ante un estado de confusión, é importante precisar e destacar os mecanismos netamente cognitivos dos intelectivos xa que estes últimos corresponden na intuición a nesgos preceptivos coñecidos comunmente como falacias.
A existencia de nesgos cognitivos xorde como necesidade evolutiva para a emisión inmediata de xuízos que utiliza o noso cerebro para asumir unha posición rápida ante certos estímulos, problemas ou situacións, que debido á incapacidade de procesar toda a información dispoñible fíltrase de forma selectiva ou subxectiva.[4] Aínda que nos poden conducir a erros que poden ser graves, en determinados contextos conducen a accións máis eficaces ou permiten adoptar decisións máis rápidas cando a inmediatez é o maior valor (heurística).[5]
A psicoloxía cognitiva estuda este efecto, así como outras estratexias e estruturas que utilizamos para procesar a información, identificando unha gran cantidade deles, con frecuencia relacionados entre si.[6]