Qian Xuesen
científico chinés / From Wikipedia, the free encyclopedia
Qian Xuesen ou Hsue-Shen Tsien (chinés tradicional: 錢學森; chinés simplificado: 钱学森; pinyin: Qián Xuésēn; Wade-Giles: Ch'ien2 Hsüe2-shen1), nado en Shanghai o 11 de decembro de 1911 e finado en Pequín o 31 de outubro de 2009, foi un matemático, ciberneticista, enxeñeiro aeroespacial e físico chinés que realizou significativas contribucións no campo da aerodinámica e sentou as bases da enxeñaría cibernética. Recrutado polo MIT, uniuse ao grupo de Theodore von Kármán no Caltech,[1] e durante a segunda guerra mundial estivo involucrado no Proxecto Manhattan, que finalmente levou ao desenvolvemento con éxito da primeira bomba atómica nos Estados Unidos.[2][3]
Durante a época do macartismo, na década de 1950, o goberno federal dos Estados Unidos acusouno de simpatías comunistas. En 1950, a pesar das protestas dos seus compañeiros, retiráronlle o visado.[4] Decidiu regresar á China, pero foi detido na Illa Terminal, preto dos Ánxeles.[5] Despois de pasar cinco anos baixo arresto domiciliario,[6] foi liberado en 1955 nun intercambio por pilotos estadounidenses que foran capturados durante a Guerra de Corea. Saíu dos Estados Unidos en setembro de 1955, chegando á China a través de Hong Kong.[7]
Ao seu regreso no seu país natal, axudou a liderar o programa chinés de armas nucleares.[8] Este esforzo levou finalmente á primeira proba de bomba atómica e de hidróxeno exitosa da China, convertendo ao país no quinto con armas nucleares e logrando o desenvolvemento de fisión a fusión máis rápido da historia. Ademais, o traballo de Qian levou ao desenvolvemento do mísil balístico Dongfeng e do programa espacial chinés. Polas súas contribucións, foi coñecido como o "Pai do Foguetismo Chinés", e recibiu o alcume de "Rei dos Foguetes".[9] É recoñecido como un dos pais fundadores do proxecto Dúas bombas, un satélite.[10]
En 1957 foi elixido académico da Academia Chinesa de Ciencias. Foi vicepresidente do Comité Nacional da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés de 1987 a 1998.
Era curmán do enxeñeiro mecánico Hsue-Chu Tsien, que estivo involucrado nas industrias aeroespaciais da China e dos Estados Unidos; e foi tío de Roger Y. Tsien, gañador do Premio Nobel de Química en 2008.