Río
curso natural e permanente de auga doce / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un río[1] é un accidente xeográfico consistente nun curso natural e permanente de auga doce, que flúe por un leito e que desemboca no mar, nun lago, noutro río, neste caso denomínase afluente. Algunhas veces terminan en zonas desérticas onde as súas augas pérdense por infiltración e evaporación. Cando o río é de pouco caudal recibe o nome de regato.
O día 14 de marzo celébrase o Día Internacional de Acción polos Ríos, co obxectivo de fomentar o coidado e protección dos ríos, como principal fonte de auga limpa do planeta, así como conciencir a sociedade para a preservación deste vital recurso natural [2] [3].
A potamoloxía (do grego Ποταμός potamós, río) é o estudo científico das augas fluviais, que abrangue conceptos como os do caudal, leito, conca, curso ou corrente, réxime, dinámica, perfil lonxitudinal e transversal, afluentes, ecoloxía, flora e fauna, recursos hídricos e hidroeléctricos ou navegación entre outros. É unha parte da hidrografía.[4][5] Polo contrario, a limnoloxía é o estudo das augas continentais en xeral.
Recentemente atopáronse ríos extraterrestres de hidrocarburos líquidos en Titán.[6][7] Así mesmo hai canles noutros planetas que poden indicar o posible paso de ríos, especialmente canles de desaugadoiro en Marte.[8] Estes ríos serven para teorizar sobre a existencia en planetas e lúas de zonas habitables estelares.