Síndrome de choque tóxico
From Wikipedia, the free encyclopedia
A síndrome de choque[1] tóxico (na CIE-10 síndrome de shock tóxico [A48.3][2] e na literatura inglesa toxic shock syndrome ou TSS) é unha condición médica causada por toxinas bacterianas.[3] Entre os seus síntomas están febre, erupcións cutáneas, descamación da pel, e presión arterial baixa.[3] Poden presentarse tamén síntomas relacionados coa infección específica subxacente como mastite, osteomielite, fascite necrotizante ou pneumonía.[3]
Esta síndrome é característicamente causada por bacterias das especies Streptococcus pyogenes ou Staphylococcus aureus, aínda que tamén poden estar implicadas outras.[3][4] A síndrome de choque tóxico estreptocócica denomínase ás veces síndrome similar ao choque tóxico.[3] O mecanismo subxacente implica a produción de superantíxenos durante unha infección estreptocócica invasiva ou unha infección estafilocócica localizada.[3] Entre os factores de risco da síndrome de tipo estafilocócico están o uso de tampóns hixiénicos moi absorbentes e lesións cutáneas en nenos pequenos caracterizadas por febre, presión arterial baixa, erupcións, vómitos e/ou diarrea e fallo multiorgánico.[3][5][6] A diagnose está baseada nos síntomas observados.[3]
O tratamento pode consistir en administrar fluídos intravenosos, antibióticos, incisión e drenaxe dos posibles abscesos e ás veces inmunoglobulina intravenosa.[3][7] A necesidade de extirpar rapidamente os tecidos infectados por cirurxía nos casos que están causados por estreptococos, aínda que se recomenda normalmente, non ten moito apoio nas evidencias das que se dispón.[3] Algúns autores recomendan atrasar o desbridamento cirúrxico.[3] O risco global de morte é dun 50% na doenza estreptocócica e do 5% na estafilocócica.[3] Pode producirse a morte nuns 2 días.[3]
Esta condición é máis común no mundo desenvolvido.[3] Por exemplo, nos Estados Unidos de América, a síndrome de choque tóxico estreptocócico dáse cunha frecuencia duns 3 casos por 100 000 por ano, e o estafilocócico duns 0,5 por 100 000 por ano.[3] Esta doenza foi descrita en 1927.[3] Debido á súa asociación con certos tampóns moi absorbentes, estes produtos foron retirados da venda.[3]