Tampón hixiénico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un tampón é un artigo de hixiene para absorber o fluxo da menstruación. O máis común na actualidade é que se vendan como unidades desbotábeis. Insírense manualmente até o fondo da vaxina e extráense mediante un cordón. O tampón ten forma de tubo, cun núcleo comprimido de material absorbente. Tamén se comercializan modelos con aplicador, formado por dous tubos de cartón ou plástico, un interior e outro exterior, que permiten a súa colocación sen tocalo coas mans.
Os tampóns téñense utilizado para interromper outras hemorraxias, como as nasais ou as ocasionadas por proxectís. Permiten bañarse ou nadar durante o período menstrual, así como practicar deportes e outras actividades que as compresas dificultan. Nalgunhas ocasións, utilízanse para a aplicación interna de fármacos.
Algúns tampóns de alta absorbencia teñen ocasionado casos de síndrome de shock tóxico (SST), unha infección por toxinas bacterianas que pode chegar a ser mortal en casos moi illados. Aínda que este risco segue a mencionarse nalgúns ámbitos, non está demostrada a relación entre a SST e os tampóns actuais [cita requirida]. Malia isto, recoméndase utilizar a absorbencia apropiada para cada día do período menstrual. [Cómpre referencia]
Nos países onde a virxindade é un símbolo da reputación feminina, é frecuente a dúbida de se os tampóns menstruais poden romper o hime. Isto é practicamente imposíbel, porque este ten unha apertura pola que baixa o fluxo menstrual, xusto onde se insire o tampón.