Xogos Olímpicos de 2008
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 (oficialmente denominados Xogos da XXIX Olimpíada) tiveron lugar na cidade de Pequín, capital da República Popular da China, entre o 8 e o 24 de agosto de 2008, aínda que o torneo de fútbol comezou dous días antes, o 6 de agosto. Ao concluír o evento, leváronse a cabo na mesma cidade os XIII Xogos Paralímpicos, entre o 6 e o 17 de setembro.
Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
O evento deportivo contou con 302 probas en 28 deportes[1] nas que, segundo estimacións, participaron uns 10 500 atletas de 204 países. Ademais de Pequín, algunhas das probas deportivas tiveron lugar noutras cidades da China. O torneo de fútbol tivo lugar nas cidades cidades de Qinhuangdao, Tianjin, Shenyang e Shanghai, namentres as regatas de vela e as probas de hípica efectuáronse no porto de Qingdao e no de Hong Kong, respectivamente.
Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 tiveron un custo que podería superar os 41.000 millóns de dólares, case triplicando o orzamento final do seu antecesor, os Xogos Olímpicos de Atenas 2004, converténdose no evento máis custoso da historia olímpica.[2] A organización deste evento enfrontou diversos problemas dende a súa elección, o 13 de xullo de 2001, especialmente polos problemas de contaminación atmosférica que enfronta a cidade sede e polas acusacións de violacións aos dereitos humanos que recibiu o réxime chinés por parte importante da comunidade internacional, xerando diversas protestas que afectaron o percorrido do facho olímpico. O goberno da China promocionou os xogos co obxectivo de destacar a importancia e influencias do país no resto do mundo.[3]