ADN extracromosómico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ADN extracromosómico ou DNA extracromosómico (abreviado ADNec ou, en inglés, ecDNA) é o ADN que se encontra fóra dos cromosomas, xa sexa dentro ou fóra do núcleo dunha célula. A maior parte do ADN nun xenoma individual atópase formando parte dos cromosomas que nos eucariotas están contidos no núcleo. Exiten múltiples formas de ADN extracromosómico e aínda que adoitan ter importantes funcións biolóxicas,[1] tamén poden exercer un papel en enfermidades como o cancro.[2][3][4]
En procariotas o ADN extracromosómico non viral atópase fundamentalmente en plásmidos, mentres que en eucariotas atópase esencialmente dentro de orgánulos.[1] O ADN mitocondrial é a principal fonte deste tipo de ADN en eucariotas.[5] O feito que este orgánulo conteña o seu propio ADN e que sexa circular apoia a hipótese de que as mitocondrias se orixinaron como células bacterianas fagocitadas e incorporadas (simbioxénese) ás células eucariotas ancestrais.[6] O ADN extracromosómico utilízase a miúdo en investigacións sobre a replicación do ADN porque é doado de identificar e de illar.[1] Non todos os plásmidos son circulares; algúns son liñais.
Aínda que o ADN extracromosómico circular (ADNecc ou, en inglés, eccDNA) se encontra de forma normal nas células eucariotas, o termo ADN extracromosómico (ADNec) tamén se usa para designar unha variante específica que comprende ADNs que foron identificados no núcleo das células cancerosas e portan moitas copias de posibles oncoxenes.[7][8][3] Este ADNec considérase que é a maneira primaria de orixinar unha amplificación xénica, que dá lugar a múltiples copias de posibles oncoxenes e cancros moi agresivos. Nas células cancerosas, o ADNec íllase fundamentalmente no núcleo (ver[2]).
O ADN extracromosómico que se encontra no citoplasma é estruturalmente diferente do ADN nuclear. O ADN citoplasmático está menos metilado que o nuclear. As secuencias do ADN citoplasmático son diferentes das nucleares nun mesmo organismo, polo que este ADN non pode ser simplemente un fragmento do ADN nuclear e debe ter outra orixe.[9]
En bacterias atopáronse segmentos de ADN extracromosómicos monocatenarios non circulares que están unidos a un ARN e codifican unha reversotranscritase (ver retron), chamados ADN monocatenario multicopia.
Ademais do ADN que se atopou fóra do núcleo das células eucariotas, a infección por xenomas virais tamén dá lugar a outro exemplo de ADN extracromosómico.