ADN recombinante
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ADN recombinante é unha molécula de ADN formada por medio de métodos de laboratorio de recombinación xenética (como a clonación molecular) na que se xuntan materiais xenéticos de dúas ou máis fontes, creando secuencias de ADN que doutro modo non formarían parte do xenoma. Xeralmente abréviase como ADNr ou rDNA (pero estas siglas tamén se usan para o ADN dos xenes que codifican o ARN ribosómico).
Formar un ADN recombinante é posible porque as moléculas de ADN de todos os organismos comparten a mesma estrutura química global e só difiren na secuencia de nucleótidos. As moléculas de ADN recombinante denomínanse ás veces ADN quimérico, porque poden facerse con material de dúas especies, como as míticas quimeras. A tecnoloxía do ADN recombinante usa secuencias palindrómicas e produce extremos coherentes ou romos no ADN para crear o ADN recombinante.
As secuencias de ADN usadas na construción de moléculas de ADN recombinante poden proceder de calquera especie. Por exemplo, ADN dunha planta pode unirse con ADN bacteriano, ou ADN humano con ADN de fungo. Ademais, poden crearse secuencias de ADN que non aparecen en ningunha parte na natureza por síntese química de ADN e despois poden incorporarse ás moléculas recombinantes. Co uso da tecnoloxía do ADN recombinante e do ADN sintético, literalmente pode crearse calquera secuencia de ADN e introducila nunha ampla variedade de organismos vivos.
As proteínas que poden orixinarse da expresión dun ADN recombinante nas células vivas denomínanse proteínas recombinantes. Cando o ADN recombinante que codifica proteínas se introduce nun organismo hóspede, non necesariamente se vai producir a proteína recombinante.[1] A expresión de proteínas alleas require o uso de vectores de expresión especializados e adoita necesitar unha significativa reestruturación por secuencias codificantes alleas.[2]
A creación de ADN recombinante é distinta do creación de ADN por recombinación xenética natural, porque a primeira se orixina por medios artificiais no tubo de ensaio, mentres que a última é un proceso biolóxico normal no que se remesturan secuencias de ADN xa existentes dentro dun organismo.