A Song of Ice and Fire
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Song of Ice and Fire (en galego Unha canción de xeo e lume) é unha serie de novelas de George R. R. Martin (algunhas aínda non publicadas) do xénero de fantasía épica e acadou un grande éxito de crítica e público. Martin comezou a escribir a serie en 1991 e o primeiro volume publicouse en 1996. Orixinalmente ía ser unha triloxía, mais a serie consiste en cinco volumes publicados e dous máis proxectados. Tamén hai dúas novelas curtas dispoñíbeis, e algunhas máis propostas. A serie está traducida a 18 linguas, e o cuarto volume chegou á primeira posición dos libros máis vendidos do New York Times.[1] En total, a serie vendeu máis de 2,2 millóns de copias nos Estados Unidos.[2]
A Song of Ice and Fire | |
---|---|
Trono de ferro | |
Título orixinal | A Song of Ice and Fire |
Autor/a | George R. R. Martin |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | Inglés |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Bantam Books, HarperCollins, Gigamesh, J'ai Lu, Gigamesh, LeYa e AST |
Data de pub. | agosto de 1996–presente |
[ editar datos en Wikidata ] |
A historia ten lugar nun mundo de ficción, principalmente nun continente chamado Westeros, unha terra dividida en sete reines diferentes. As casas nobres enfróntanse en guerras e traizóns por conseguir dominar ós seus inimigos, nunha era semellante á Idade Media. A pesar de que a historia principal ten lugar neste continente, tamén se narran os sucesos que ocorren alén do mar, noutra parte do mundo. A maior parte dos personaxes son humanos, pero mentres a serie avanza vanse introducindo novas criaturas, como os Outros (unha especie de non-mortos) do norte e os dragóns do leste, as cales todo o mundo daba por extintas. Hai tres puntos argumentais principais na serie: a crónica dunha guerra civil dinástica entre as diferentes familias polo control de Westeros; ameaza crecente dos Outros que comezan a reunirse ó outro lado do gran valado de xeo que forma a fronteira norte de Westeros; e a viaxe de Daenerys Targaryen, a filla exiliada do rei que foi asasinado noutra guerra civil fai quince anos (Guerra do Usurpador) e busca tornar a Westeros para reclamar o seu dereito ó trono.
Apréciase a influencia de universos como o de J. R. R. Tolkien, se ben nestes libros hai unha grande influencia da historia (moitos dos sucesos inspíranse na chamada guerra das dúas rosas en Inglaterra) e aparece menos maxia. A serie recibiu eloxios polo seu realismo, xa que somete a aparición da maxia en favor das batallas e intrigas políticas. A violencia, a sexualidade e a ambigüidade moral amósanse con frecuencia entre un conxunto de máis de mil personaxes con nome. Algúns dos principais personaxes son repentinamente eliminados para que os lectores non poidan confiar en protagonistas invulnerables. A estrutura narrativa do punto de vista de múltiple permite ós lectores explorar o mundo dende moitas perspectivas, e isto permite ademais que os supostos malvados poidan ofrecer o seu punto de vista. A Song of Ice and Fire tamén recibiu comentarios críticos pola súa interpretación diversa do feminismo e a relixión.
Orixinalmente publicado sen demasiada publicidade, os libros da serie acadaron máis de 22 millóns de copias arredor do mundo e foron traducidos a máis de 20 linguas.