Airbus A350
avión de pasaxeiros / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Airbus A350 é un bimotor de pasaxeiros de fuselaxe ancha e longo alcance desenvolvido polo fabricante europeo Airbus. Concibiuse orixinalmente en 2004 como unha versión revisada do A330-200, prevista para aumentar o alcance e para reducir os gastos de explotación. No ano 2006 Airbus redeseñou o avión en resposta ás críticas dalgúns dos seus posibles principais clientes e bautizouno como A350 XWB (extra wide body).
O A350 no seu primeiro voo | |
Tipo | pasaxeiros |
Fabricante | Airbus |
Primeiro voo | 14 de xuño do 2013 |
Introducido | 15 de xaneiro de 2015 |
Estado | en servizo |
Produción | 2010 - presente |
Unidades construídas | 391 (outubro de 2020)[1] |
Cando Boeing anunciou o seu proxecto do 7E7 Dreamliner (agora coñecido como 787), os inferiores gastos de operación convertíano nunha seria ameaza para o A330 de Airbus.
O 16 de setembro do 2004 o entón presidente de Airbus, Noel Forgeard, confirmou que un novo proxecto estaba baixo consideración, pero non o nomeou, e non indicou se sería enteiramente novo ou unha modificación dun produto existente. Forgeard indicou que Airbus concluiría o proxecto antes do fin dese ano, comezaría a consultalo con liñas aéreas a principios de 2005, e lanzaría o programa de desenvolvemento a finais dese ano. O 10 de decembro as xuntas de accionistas de EADS e de BAE Systems, os accionistas de Airbus, aprobaron o lanzamento do proxecto, e formalmente o nomearon A350.
O lanzamento do proxecto A350 non está exento de controversia, xa que está no centro dun conflito comercial entre Estados Unidos e a Unión Europea sobre as axudas gobernamentais prestadas a ditas empresas. Estados Unidos afirma que os préstamos dados a Airbus baixo condicións favorables polos gobernos europeos violan as leis de comercio internacional, e por iso presentaron unha queixa ante a OMC. A Unión Europea respondeu presentando a súa propia queixa polos subsidios recibidos por Boeing para o desenvolvemento do 787. O programa foi suspendido en abril do ano 2005 agardando á resolución do conflito e retomouse posteriormente.
Airbus recibiu o seu primeiro pedido para o A350 en decembro do 2004 por parte de Air Europa, que tiña previsto recibir o seu primeiro avión dun lote de 10 A350-800s no 2010. Porén, esta compañía cancelou o pedido catro anos máis tarde por atrasos, solicitando unha indemnización a Airbus por incumprimento de contrato.