Alerxia alimentaria
From Wikipedia, the free encyclopedia
As alerxias alimentarias son un tipo particular de resposta inmune esaxerada (reacción alérxica) por consumo de certos alimentos que conteñen substancias capaces de provocar esta reacción en determinados consumidores.[1] Estas substancias están presentes en condicións naturais nos alimentos, son de natureza proteica e denomínanse alérxenos. Unha particularidade deste trastorno é que se dá só en consumidores sensibles, independentemente da cantidade de alimento inxerido: as alerxias alimentarias non se deben a alteracións dos alimentos, que son perfectamente saudables para a maioría dos consumidores, senón ás características propias e particulares do consumidor que as sofre.
Os síntomas da alerxia adoitan aparecer inmediatamente trala inxestión do alimento (oscila entre minutos e unha hora). As posibles reaccións alérxicas son moi variables, desde formas leves e transitorias a formas graves e de longa duración. Tamén varían moito os posibles cadros que poden provocar: cadros cutáneos (urticaria, eccemas, dermatite atópica), cadros gastrointestinais (cólicos e diarrea), molestias dixestivas inespecíficas, náuseas e vómitos, dificultades para traga-lo alimento, asma. Poden darse tamén cadros graves con shock anafiláctico con risco de morte. A maiores das propias manifestacións clínicas, outra consecuencia das alerxias alimentarias é a perda de calidade de vida dos enfermos ó ter que renunciar a determinados alimentos, o que chegou en ocasións a provocar cadros de ansiedade.
Á parte do tratamento sintomático, a única forma eficaz de evitar estes trastornos alérxicos é evita-lo consumo do alimento fronte ó que se desencadeou a alerxia. Na práctica, isto non sempre é fácil.