Barbas de balea
From Wikipedia, the free encyclopedia
O trazo máis característicos das baleas, á parte do seu gran tamaño, é a presenza dunhas estruturas especiais na boca que substitúen os dentes: as chamadas barbas de balea ou, simplemente, baleas.[1]
Non se trata de dentes transformados, senón de placas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo, ou as plumas das aves) que penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. Cando a boca está pechada, as barbas quedan cubertas polos "labios" inferiores.
O bordo inferior de cada unha destas placas está esfiañado formando unhas a xeito de sedas ríxidas que forman unha peneira moi mesta capaz de reter os corpos sólidos presentes na auga.
O seu tamaño —en anchura e lonxitude— e o seu número son moi variábeis segundo a especie, así como a cor, e son elementos a ter en conta á hora de identificaren as distintas especies.
Os distintos tamaños das barbas, xunto a outras modificacións morfolóxicas como a maior ou menor convexidade do cranio e a presenza de máis ou menos dobras gulares (os sucos da gorxa), son consecuencia dos diferentes hábitos alimenticios destes cetáceos.