Clonación molecular
From Wikipedia, the free encyclopedia
A clonación molecular ou clonación de xenes é un conxunto de métodos experimentais de bioloxía molecular que se usan para ensamblar moléculas de ADN recombinante e para dirixir a súa replicación dentro dun organismo hóspede.[1] Utilízase o termo clonación para indicar que o método implica a replicación dunha molécula por un método no que se vai producir unha poboación de células que teñen moléculas de ADN idénticas. Outros tipos de clonación son a clonación celular e a clonación de organismos. A clonación molecular usa xeralmente secuencias de ADN procedentes de dous organismos distintos: a especie que é a fonte do ADN que se vai clonar, e a especie que servirá como hóspede vivo para a replicación do ADN recombinante. Os métodos de clonación molecular son básicos en moitas áreas da bioloxía molecular e medicina contemporáneas.[2]
Nun experimento convencional de clonación molecular, o ADN que se vai clonar obtense dun orgnismo de interese, despois trátase con encimas no tubo de ensaio para xerar fragmentos de ADN máis pequenos. Despois, estes fragmentos combínanse cun vector de ADN para xerar moléculas de ADN recombinantes. O ADN recombinante introdúcese segidamente nun organismo hóspede (normalmente unha cepa de laboratorio de Escherichia coli fácil de cultivar e benigna). Isto xerará unha poboación de organismos na cal as moléculas de ADN recombinante se replican ao mesmo tempo que se replica o ADN do hóspede. Como estes organismos conteñen fragmentos de ADN alleos son microorganismos transxénicos ou modificados xeneticamente (OMX).[3] Este proceso aproveita o feito de que unha soa célula bacteriana pode ser inducida a captar e replicar unha soa molécula de ADN recombinante. Esta única célula pode despois ser expandida expoñencialmente para xerar unha gran cantidade de bacterias, cada unha das cales contén copias da molécula recombinante orixinal. Así, tanto a poboación bacteriana resultante, coma a molécula de ADN recombinante, denomínanse comunmente "clons". Falando estritamente, o ADN recombinante refírese a moléculas de ADN, mentres que clonación molecular refírese aos métodos usados para ensamblalas e introducilas nas células.