Concerto para piano n.º 24 (Mozart)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O concerto para piano n.º 24 en dó menor, K. 491, é un concerto composto por Wolfgang Amadeus Mozart para teclado (normalmente para piano ou pianoforte) e orquestra. Mozart compuxo o concerto no inverno de 1785–1786, e finalizouno o 24 de marzo de 1786, tres semanas despois de completar o seu concerto para piano n.º 23 en la maior. Como ía interpretar a obra el mesmo, Mozart non escribiu a parte solista por completo. A estrea tivo lugar a principios de abril de 1786 no Burgtheater de Viena. Cronoloxicamente, a obra é o vixésimo dos seus 23 concertos para piano orixinais.
Concerto para piano n.º 24 | |
---|---|
de Wolfgang Amadeus Mozart | |
Pianoforte de Johann Andreas Stein (Augsburgo, 1775) - Berlín, Musikinstrumenten-Museum | |
Tonalidade | Dó menor |
Forma | Concerto |
Composición | 1786, Viena |
Publicación | 1800 |
Movementos | 3 (Allegro - Larghetto - Allegretto) |
Estrea | |
Data | 3/7 de abril de 1786 |
Lugar | Burgtheater, Viena |
Director | Wolfgang Amadeus Mozart |
A obra é un dos seus dous únicos concertos para piano escritos en modo menor, sendo o outro o nº 20 en re menor. Ningún dos outros concertos para piano de Mozart conta cunha variedade maior de instrumentos na orquestra: a obra está escrita para cordas, madeiras, trompas, trompetas e timbais. O primeiro dos seus tres movementos, Allegro, está escrito en forma sonata e é máis longo que calquera dos movementos iniciais dos concertos temperáns de Mozart. O segundo movemento, Larghetto en mi ♭ maior —o relativo maior de dó menor— conta cun tema principal sorprendentemente simple. O movemento final, Allegretto, é un tema e oito variacións en dó menor.
A obra é unha das composicións máis avanzadas de Mozart no xénero do concerto. Entre os seus primeiros admiradores inclúense Ludwig van Beethoven e Johannes Brahms. O musicólogo Arthur Hutchings declarou sobre el, tomado en conxunto, que é o mellor concerto para piano de Mozart.