Coprofaxia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A coprofaxia é un comportamento consistente na inxestión das feces. A palabra deriva do grego κόπρος, copros, 'feces' e φαγεῖν, fagein, 'comer'. A coprofaxia comprende moitos tipos de alimentación de feces, incluíndo comer feces doutras especies (heteroespecífica), doutros individuos (alocoprofaxia) da mesma especie, ou as feces propias (autocoprofaxia). Poden comerse unha vez depositadas ou no momento de saíren polo ano.[1]
Algunhas especies comen as feces propias como un comportamento normal, especialmente os lagomorfos, os cales fano para que os materiais vexetais duros que comeron sexan dixeridos por segunda vez de forma máis completa ao tragalos e pasaren por segunda vez polo tracto dixestivo. Outras especies poden comer feces propias ou alleas só en certas condicións, mentres que para outras é a súa forma de alimentación normal, como ocorre, por exemplo, cos escaravellos peloteiros, que se alimentan das feces dos vertebrados.
Nos humanos tamén se describiu a coprofaxia desde finais do século XIX en individuos con enfermidades ou retardos mentais e en certo tipo de actos sexuais.[2][3]