Cúmulo de galaxias
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un cúmulo de galaxias é unha estrutura que consta de centos a miles de galaxias que están ligadas gravitatoriamente[1] con masas típicas dunhas 1014 a 1015 masas solares. Son as estruturas máis grandes unidas gravitatoriamente do Universo e ata a década de 1980 críase tamén que eran as estruturas máis grandes do Universo, ata que se descubriron os supercúmulos.[2] Unha das características claves dos cúmulos é o seu medio intracumular. Este medio consiste en gas quentado que se encontra entre as galaxias e ten un pico de temperatura entre 2 e 15 keV, que depende da masa total do cúmulo. Os cúmulos de galaxias non deberían confundirse cos cúmulos estelares, como os cúmulos abertos, que son estruturas formadas por grupos de estrelas que forman parte das galaxias, nin cos cúmulos globulares, que orbitan arredor das galaxias. As agrupacións pequenas de galaxias denomínanse grupos de galaxias, e cando as agrupacións son máis grandes denomínanse cúmulos de galaxias. Á súa vez, os grupos e cúmulos de galaxias poden formar unha agrupación superior chamada supercúmulo.
Cúmulos de galaxias salientables no Universo relativamente próximo son os cúmulos de Virgo, Fornax, Hércules e Coma. Unha grande agrupación de galaxias coñecida como o Grande Atractor, dominado polo cúmulo de Norma, é o suficientemente masivo como para afectar á expansión local do Universo. Outros cúmulos de galaxias notables no Universo distante con alto desprazamento ao vermello son SPT-CL J0546-5345 e SPT-CL J2106-5844, que son os cúmulos de galaxias máis masivos atopados no Universo temperán.