Embarazo
período que transcorre entre a implantación no útero do óvulo fecundado e o momento do parto / From Wikipedia, the free encyclopedia
O embarazo, gravidez, preñazo ou preñez dunha muller é o período que transcorre entre a implantación do cigoto no útero ata o momento do parto. Durante este período prodúcense na muller importantes cambios fisiolóxicos, metabólicos e incluso morfolóxicos coa finalidade de protexer, nutrir e permitir o desenvolvemento do feto, como son a interrupción dos ciclos menstruais, ou o aumento do tamaño das mamas para preparar a lactación. O termo xestación refírese máis ben aos procesos fisiolóxicos de crecemento e desenvolvemento do feto no interior do útero materno. Así, en teoría, a xestación é do feto e o embarazo da muller, se ben na práctica moitas persoas utilizan ambos termos coma sinónimos.
- Este artigo refírese a humanos. Para a preñez en animais véxase Preñazo.
Embarazo | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Muller embarazada | |
ICD-10 | Z33 |
ICD-9 | 650 |
DiseasesDB | 10545 |
MedlinePlus | 002398 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Na especie humana as xestacións acostuman ser dun único feto, aínda que tamén se poder dar embarazos múltiples. A aplicación de técnicas de reprodución asistida está facendo aumentar a incidencia de embarazos múltiples nos países desenvolvidos.[1]
O embarazo humano dura unhas 40 semanas desde o primeiro día da última menstruación ou ben 38 semanas desde a fecundación (aproximadamente uns 9 meses). O primeiro trimestre é o momento de maior risco de aborto espontáneo; o inicio do terceiro trimestre considérase o punto de viabilidade do feto (aquel a partir do cal pode sobrevivir extraútero sen soporte médico).