Emiliania huxleyi
especie de alga / From Wikipedia, the free encyclopedia
Emiliania huxleyi é unha especie de haptófita cocolitófora que forma parte do fitoplancto e encóntrase en case todos os ecosistemas oceánicos desde o ecuador ás rexións subpolares, e desde zonas de afloramento ricas en nutrientes a augas oligotróficas máis pobres.[1][2][3][4] É un dos milleiros de organismos planctónicos fotosintéticos que flotan libremente na zona eufótica do océano, formando a base de virtualmente todas as cadeas tróficas mariñas. É estudada polas amplas floracións que produce en augas escasas en nutrientes despois de que se volve a formar a termoclina de verán. Como outros cocolitóforos, E. huxleyi é un organismo fitoplanctónico unicelular cuberto cunha especie de discos de calcita distintivamente ornamentados, chamados cocólitos. Os cocólitos separados son abundantes en sedimentos mariños, aínda que as cocosferas completas son menos usuais. No caso de E. huxleyi, non só a cuncha, senón tamén a parte branda do organismo pode quedar rexistrado nos sedimentos. Produce un grupo de compostos químicos que son moi resistentes á descomposición. Estes compostos químicos, coñecidos como alquenonas, poden encontrarse en sedimentos mariños moito tempo despois de que outras partes brandas do organismo se descompuxesen. As alquenonas son utilizadas principalmente en ciencias da Terra como un medio para estimar as temperaturas da superficie mariña do pasado.
Emiliania huxleyi | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Unha micrografía de microscopio electrónico dunha soa célula de Emiliania huxleyi. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Emiliania huxleyi (Lohm.) Hay e Mohler |