Empire State Building
rañaceos en Nova York (Estados Unidos) / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Empire State Building é un rañaceos de 102[1] plantas dedicado a oficinas situado na Quinta Avenida entre a intersección das rúas 33 e 34 de Manhattan no oeste da cidade de Nova York, en Estados Unidos. A súa altura é de 381 metros, pero acada 443 metros contando coa antena. O nome do edificio deriva do alcume que ten o Estado de Nova York: "Empire State" ("Estado do Imperio"). Foi o edificio máis alto do mundo durante máis de corenta anos, desde a súa finalización en 1931 ata 1972, ano en que se completou a construción da torre norte do World Trade Center. Esta altura causou certos contratempos, como o sucedido o 28 de xullo de 1945, cando un bombardeiro B-25 Mitchell pilotado entre a néboa bateu co edificio entre os andares 79 e 80, causando 14 mortes. Tras a destrución do World Trade Center o 11 de setembro de 2001, o Empire State Building converteuse novamente no edificio máis alto da cidade de Nova York e do estado de Nova York, ata que foi outra vez superado polo One World Trade Center o 30 de abril de 2012, quedando o Empire State outra vez en segundo lugar.[4]
Empire State Building | |
---|---|
Empire State Building | |
Edificio | |
Custo | 24 988 000 $US |
Enderezo | Intersección entre a Quinta Avenida e a Rúa 34 Oeste. |
Localización | Manhattan, Nova York Estados Unidos |
Coordenadas | 40°44′54″N 73°59′07″O |
Propietario | W & H Properties |
Uso(s) | mixto |
Construción | |
Inicio | 17 de marzo de 1930 |
Construción | 1930/31 |
Remate | 11 de abril de 1931 |
Dimensións | |
Superficie | 208.879 m2 |
Altura máxima | 443,2 m |
Altura da azotea | 381 m |
Altura da última planta | 373,1 m |
Plantas | 102[1] |
Número de ascensores | 73 |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Shreve, Lamb and Harmon |
Enxeñeiro estrutural | Homer Gage Balcom[2] |
Contratista | Starrett Brothers & Eken |
Promotor | John J. Raskob |
Outros | Ostentou o récord de edificio máis alto do mundo desde 1931 a 1970.[3] |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Empire State Building foi nomeado pola Sociedade Estadounidense de Enxeñeiros Civís como unha das Sete Marabillas do mundo moderno. O edificio e o seu interior son designados monumentos da Comisión para a Preservación de Monumentos Históricos de Nova York, e confirmado pola Xunta de Estimación da Cidade de Nova York. Foi designado como un monumento Histórico Nacional en 1986. En 2007, ocupou o número un na lista das edificacións favoritas estadounidenses e hoxe día tamén. Actualmente é propiedade e está xestionado pola empresa inmobiliaria W & H Properties, e está considerado un dos maiores atractivos turísticos do mundo, ademais de ser designado Monumento Histórico Nacional.