Estrea da Sinfonía n.º 7 de Shostakovich en Leningrado
From Wikipedia, the free encyclopedia
A estrea da Sinfonía n.º 7 de Shostakovich en Leningrado tivo lugar o 9 de agosto de 1942 durante a segunda guerra mundial, mentres a cidade de Leningrado (actual San Petersburgo) era sitiada polas forzas da Alemaña nazi.
Dmitrii Shostakovich tiña a intención de que a obra fora estreada pola Orquestra Filharmónica de Leningrado, mais a causa do sitio esta foi evacuada da cidade, así como o propio compositor. A estrea mundial da sinfonía tivo lugar en Kuibyshev coa Orquestra do Teatro Bolshoi. A estrea en Leningrado foi realizada polas persoas sobreviventes da Orquestra da Radio de Leningrado, con reforzos de músicos militares. A maioría das persoas que integraban a orquestra estaban famentas, o que dificultou os ensaios: desmaiábanse frecuentemente durante os ensaios, e tres morreron. A orquestra só foi capaz de tocar a sinfonía ata o final unha vez antes do concerto.
A pesar das pobres condicións das persoas que interpretaron a sinfonía e de moitas das que asistiron á estrea, o concerto foi un grande éxito, provocando unha ovación dunha hora de duración. O concerto foi apoiado por unha ofensiva militar soviética, cuxo nome en clave era ‘‘Borrasca’’, destinada a silenciar as forzas alemás durante a actuación. A sinfonía foi retransmitida ás liñas alemás por medio de altofalantes como xeito de guerra psicolóxica. A estrea en Leningrado foi considerada pola crítica musical como unha das interpretacións artísticas máis importantes da guerra polos seus efectos psicolóxicos e políticos. O director concluíu que "nese momento, triunfamos sobre a desalmada maquinaria de guerra nazi".[1] En 1964 e 1992 leváronse a cabo concertos conmemorativos coa participación dos músicos sobreviventes.