Estrutura terciaria dos ácidos nucleicos
From Wikipedia, the free encyclopedia
A estrutura terciaria dos ácidos nucleicos é a forma tridimensional dun polímero de ácido nucleico.[1] As moléculas de ARN e ADN son capaces de realizar diversas funcións desde o recoñecemento molecular á catálise. Tales funcións requiren unha estrutura tridimensional moi precisa. Aínda que ditas estruturas son diversas e aparentemente complexas, están compostas de motivos estruturais terciarios doadamente recoñecibles que serven como bloques de construción moleculares. Algúns dos motivos máis comúns da estrutura terciaria do ARN e ADN descríbense neste artigo, pero esta información está baseada no limitado número de estruturas resoltas. A medida que se vaian caracterizando estruturalmente novas moléculas de ARN e ADN, iranse revelando moitos máis motivos de estrutura terciaria.