Familia (socioloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha familia é unha unidade social formada por un conxunto de individuos vinculados por relacións de matrimonio, parentesco ou afinidade, que conviven e organizan colectivamente a vida cotiá ou parte dela.[1] Segundo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, é o elemento natural, universal e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do Estado.
Non hai consenso sobre unha definición universal da familia. É un concepto antropolóxico inferior ao clan, a tribo e a nación; sociolóxico e incluso económico (unidade mínima de empresa). A familia nuclear é o modelo principal de familia e a estrutura máis difundida na actualidade; porén, as formas de vida familiar son moi diversas, dependendo de factores sociais, culturais, económicos e afectivos. A familia, como calquera institución social, tende a adaptarse ao contexto dunha sociedade.[2]
O Día Internacional das Familias, celebrado o 15 de maio, foi instituído pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1993. Acordouse celebrar no ano 1994 o Ano Internacional da Familia e concretar no día 15 de maio de tódolos anos os actos conmemorativos, que se comezaron a convocar en todo o mundo a partir dese ano 1994 [3].
O obxectivo proposto é poñer de manifesto a importancia que a comunidade internacional debe conferir á familia como unidade básica da sociedade e motor do desenvolvemento económico e social, o que comporta tomar en consideración tódolos problemas que poidan afectar á situación das familias no mundo e promove-la adopción das medidas adecuadas para resolver eses problemas, incluíndo a necesidade de que os gobernos teñan en consideración as necesidades familiares á hora de establecer prioridades nas decisións políticas que adopten.