Festival de Eurovisión 2002
From Wikipedia, the free encyclopedia
O XLVII Festival da Canción de Eurovisión celebrouse o 25 de maio de 2002, no complexo Saku Surhall de Tallin, Estonia. Os presentadores foron Annely Peebo e Marko Matvere. Marie N foi a ganadora deste Festival, representando a Letonia coa canción "I wanna", desbancando ás máximas favoritas, Afro-diche (Suecia) e Corinna May (Alemaña).
Festival da Canción de Eurovisión 2002 | |
---|---|
Saku Suurhall, sede do Festival de Eurovisión 2002. | |
Localización | Tallin, Estonia |
TV anfitrioa | Eesti Televisioon |
Data | 25 de maio de 2002 |
Edición | XLVII |
Presentadores | Annely Peebo e Marko Matvere |
Gañador | I wanna, Marie N Letonia |
Participantes | 24 |
Debutantes | - |
Retornos | Austria Bélxica Chipre Finlandia Macedonia do Norte Romanía Suíza |
Retirados | Irlanda Islandia Noruega Países Baixos Polonia Portugal |
Actos artísticos | Ballet e coro de ETV |
En 2002, a Unión Europea de Radiodifusión volveu ao sistema simple usado en 1994 e 1995 para determinar que países participarían no concurso. Os países con menos puntuación (sen contar Francia, Alemaña, España e o Reino Unido, que formaban o Big Four) do ano anterior foron excluídos, omitindo tantos países como fose necesario para reducir o número de participantes a 24. Xa que logo clasificáronse os 17 primeiros clasificados da edición de 2001 e sete países relegados en 2001. En principio a Portugal correspondíalle unha praza, pero Portugal declinou participar por problemas internos, e foron substituídos por Letonia, que acabaría gañando o concurso.[1]
Esta edición tivo unha audiencia segundo a UER e televisión estona de 166 millóns de espectadores, alcanzando os maiores índices en Malta (con máis dun 90% de seguimento), Suecia e España. Neste último país, ademais, converteuse no espazo máis visto desde que existían as estatísticas de audiencia, creando grazas ao concurso de selección, Operación Triunfo, un grande eco informativo e fenómeno de masas en España.
O pavillón e escenario de Tallin, pese a albergar a uns 5.000 espectadores, quedábase lonxe da capacidade das dúas últimas sedes en Estocolmo e Copenhaguen. Foi o primeiro festival celebrado nun dos países de Europa Oriental incorporados ao certame a partir dos anos 90.