Fixación do nitróxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
A fixación do nitróxeno é o proceso por medio do cal o nitróxeno (N2) que se encontra na atmosfera terrestre se combina con hidróxeno ou osíxeno, converténdose en amoníaco (NH3) ou óxidos, compostos que poden incorporarse á biosfera.[1] O nitróxeno atmosférico (N2) está formado por dous átomos de nitróxeno unidos por un triplo enlace moi forte, e é unha molécula bastante inerte, é dicir, non reacciona doadamente con outros compostos químicos para formar novos compostos. O proceso de fixación libera os átomos de nitróxeno da molécula diatómica (N2) para que poida utilizarse para fabricar compostos que poidan incorporarse ao metabolismo dos seres vivos.
A fixación do nitróxeno é esencial para todas as formas de seres vivos porque se require nitróxeno para biosintetizar compoñentes básicos de todos os seres vivos, como son os nucleótidos do ADN e ARN e os aminoácidos das proteínas, xunto con cabezas polares de fosfolípidos, aminoazucres e outros compostos. Por tanto, a fixación do nitróxeno é esencial para os ecosistemas, os cultivos agrícolas e en procesos industriais para a fabricación de fertilizantes ou explosivos (pólvora, dinamita, TNT etc.). A fixación do nitróxeno ocorre de forma natural de xeito abiótico (pola acción dos lóstregos na atmosfera) ou biótico (por acción de microorganismos) ou de forma artificial (na industria).[2][3]
Aínda que a fixación do nitróxeno xeralmente dá lugar a amoníaco (NH3), o termo tamén inclúe outras conversións biolóxicas nas que se orixina dióxido de nitróxeno (NO2). Os microorganismos que fixan o nitróxeno denomínanse diazótrofos. Algunhas plantas superiores, e algúns animais (térmites), estableceron diversas asociacións simbióticas con diazótrofos.
A fixación biolóxica do nitróxeno descubriuna o agronomista alemán Hermann Hellriegel e o microbiólogo holandés Martinus Beijerinck.