Gobernador Xeral de Australia
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Gobernador Xeral da Mancomunidade de Australia é o representante do monarca australiano, actualmente o Rei Carlos III.[1][2]
Gobernador Xeral de Australia | |
---|---|
Residencia | Casa do Goberno, Canberra |
Designado por | Monarca de Australia |
Duración | non definida (adoitan ser 5 anos) |
Creación | 1 de xaneiro de 1901 |
Xa que a Raíña é compartida igualmente con outros 15 reinos de Commonwealth, e reside no Reino Unido, nomea, aconsellada polo primeiro ministro, un gobernador-xeral para levar a cabo os deberes constitucionais dentro da Mancomunidade de Australia. O gobernador xeral ten a presidencia formal do Consello Executivo Federal e é o comandante en xefe da Forza de Defensa Australiana. As funcións do gobernador xeral inclúen nomear ministros, xuíces, e embaixadores; dar consentimento real á lexislación aprobada polo parlamento; convocar eleccións; e outorgar honores australianos.[3]
En xeral, o gobernador xeral observa as convencións do sistema de Westminster e do goberno responsábel, mantendo unha neutralidade política, e case sempre actuou só aconsellado polo primeiro ministro ou outros ministros ou, en certos casos, polo parlamento. O gobernador xeral tamén ten unha función cerimonial: organizar eventos en calquera das dúas residencias oficiais (a Casa do Goberno na capital, Canberra, e a Casa do Almirantado, en Sydney), viaxar por Australia ofrecendo conferencias abertas, atender servizos e conmemoracións, e xeralmente proporcionar ánimo a individuos e grupos que están contribuíndo ás súas comunidades. Cando vixa ao estranxeiro, o gobernador xeral é visto como o representante de Australia, e a Raíña de Australia. O gobernador xeral é apoiado por un persoal (de 80 individuos en 2018) encabezado polo secretario oficial do gobernador xeral.[4]
Un gobernador xeral non é nomeado para un prazo específico, pero adoita exercer un mandato de cinco anos suxeitos a unha posible curta extensión.[3] Dende o 1 de xullo de 2019, o Gobernador xeral é David Hurley.[5]
Dende a federación en 1901 até 1965, 11 dos 15 gobernadores xerais foron aristócratas británicos; incluíndo catro baróns, tres vizcondes, tres condes, e un duque real.[6] Dende entón, todos os gobernadores xerais, excepto un, foron australianos; a excepción, Ninian Stephen, chegou a Australia sendo un adolescente. Só unha muller foi gobernadora xeral, Quentin Bryce, que ocupou o cargo de 2008 a 2014.
O 16 de decembro de 2018 foi anunciado que Peter Cosgrove sería substituído por David Hurley, ata ese momento gobernador de Nova Gales do Sur. Para dar continuidade ás eleccións xerais e federais en Nova Gales do Sur, Hurley sucedería a Cosgrove, que planeaba retirarse en marzo de 2019, o 28 de xuño de 2019.[7][8]
Finalmente o 1 de xullo de 2019, realizouse o traspaso de poderes.[5]