Gramática
Estudo das regras estruturais e principios que regulan o uso das linguas e a organización das palabas dunha oración / From Wikipedia, the free encyclopedia
Este artigo trata da gramática como disciplina lingüística. Para saber máis sobre a gramática da lingua galega, véxase Gramática da lingua galega
A gramática[1] é a disciplina lingüística que estuda a organización e o funcionamento dunha lingua dada. Tamén se lle chama gramática ao conxunto de regras que gobernan o uso dunha lingua determinada, polo que se di que cada lingua ten a súa propia gramática.[2][3] A gramática é parte do estudo xeral da linguaxe denominada lingüística. Clasicamente, o estudo da lingua divídese en catro niveis:
- Nivel fónico (fonético e fonolóxico).
- Nivel morfolóxico.
- Nivel sintáctico.
- Nivel léxico e semántico.
Con todo, pódense engadir outros niveis, tales como:
- Nivel pragmático.
- Nivel discursivo.
Ás veces restrínxese o uso do termo gramática ás regras e principios que definen a morfoloxía e a sintaxe. Con todo, a separación dos niveis non é totalmente nítida por diversas razóns, como que certas regras gramaticais realízanse no nivel fonético-fonolóxico, ou que existen parámetros ou criterios semánticos que serven para decidir cando unha determinada construción considérase gramatical. Algunhas tendencias da lingüística moderna representan un regreso aos temas da gramática tradicional desde novos puntos de vista.[4]
As partes centrais da gramática foron tradicionalmente o ensino das partes do discurso e as categorías gramaticais, así como o ensino das regras xerais para combinar palabras en unidades máis longas (combinacións de palabras, oracións) e a estrutura destas unidades do discurso, a sintaxe.[5]
A gramática tradicional só estudaba a morfoloxía e a sintaxe.