Gustavo II Adolfo de Suecia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Gustavo II Adolfo, nado en Estocolmo o 9 de decembro de 1594 e finado en Lützen o 6 de novembro de 1632, foi o rei de Suecia dende 1611 ata 1632 e considérase un dos fundadores do Imperio Sueco. Levou Suecia á supremacía militar durante a guerra dos Trinta Anos, axudando a determinar o equilibrio de poder político e relixioso en Europa. Postumamente recibiu o nome de Gustavo Adolfo o Grande (sueco: Gustav Adolf den store, latín: Gustavus Adolphus Magnus) por parte do Riksens ständer en 1634.[1][2] Adoita a ser considerado un dos mellores mandos militares de todos os tempos polo seu innovador uso de armas combinadas. A súa vitoria militar máis destacada foi a batalla de Breitenfeld (1631). Cunha excelente maquinaria militar, boas armas, un bo adestramento e artillaría de campo efectiva, respaldada por un goberno eficiente que podía proporcionar os fondos necesarios, Gustavo Adolfo estaba preparado para converterse nun gran líder europeo.[3] Porén, morreu un ano despois na batalla de Lützen (1632). Foi habilmente axudado nos seus esforzos polo conde Axel Oxenstierna, o Gran Chanceler de Suecia, que tamén actuou como rexente despois da súa morte.
Nunha época caracterizada por un estado de guerra constante, Gustavo Adolfo herdou tres guerras en curso simultáneas do seu pai con 16 anos. Dúas delas foron guerras fronteirizas con Rusia e Dinamarca, e a outra unha guerra máis persoal (polo menos para o seu pai) contra o primeiro curmán de Gustavo, o rei Sixismundo III Vasa de Polonia.[4] Desas tres guerras a guerra contra os daneses foi a máis grave.[4]
Durante o seu reinado, Suecia pasou de ter o status de potencia rexional da conca do mar Báltico a ser unha das principais potencias de Europa e un modelo de goberno da era moderna. Gustavo Adolfo é coñecido como o "pai da guerra moderna",[5] ou o primeiro gran xeneral moderno. Baixo a súa tutela, Suecia e a causa protestante desenvolveron unha serie de excelentes comandantes, como Lennart Torstensson, quen derrotaría aos inimigos de Suecia e expandiría as fronteiras e o poder do imperio moito despois da morte de Gustavo Adolfo en batalla. Os botíns dos seus inimigos convertérono nun exitoso traficante de libros en Europa, especificamente coas Colección Xesuítas.[6]
Chamado "O Rei Dourado" e "O León do Norte", fixo de Suecia unha das grandes potencias de Europa, en parte grazas á reforma da estrutura administrativa. Por exemplo, comezou a facer rexistros parroquais de poboación, polo que o goberno central podía impoñer impostos e recrutar á xente de xeito máis eficiente.[7] O historiador Christer Jorgensen sostén que o seu logro no campo da reforma económica, comercio, modernización e creación da autocracia burocrática moderna foi tan importante como as súas fazañas nos campos de batalla. As súas reformas domésticas, que transformaron unha sociedade e economía atrasada e case medieval, foron de feito non só as bases das súas vitorias en Alemaña, senón tamén absolutamente cruciais para a creación e supervivencia do Imperio Sueco.[8]
Gustavo Adolfo é amplamente conmemorado polos protestantes en Europa como o principal defensor da súa causa durante a guerra dos Trinta Anos, con múltiples igrexas, fundacións e outras empresas que levan o seu nome, como a sociedade Gustav-Adolf-Werk.