Holodomor
From Wikipedia, the free encyclopedia
Holodomor (en lingua ucraína: Голодомор; pronunciado golodomor, con gheada) é o nome atribuído á fame de carácter xenocida, que devastou principalmente o territorio da República Socialista Soviética de Ucraína (integrada na URSS), durante os anos de 1932 a 1933. Este acontecemento, tamén coñecido por gran fame de Ucraína, representou un dos máis tráxicos capítulos da Historia de Ucraína, debido ó enorme custo en vidas humanas.
A pesar de que esta fame afectou igualmente a outras rexións soviéticas, o termo Holodomor é aplicado especificamente ós feitos ocorridos nos territorios con poboación de etnia ucraína: Ucraína e a rexión de Kuban, no Cáucaso do Norte. Como tal, o Holodomor é ás veces denominado "Xenocidio Ucraíno"[1] ou "Holocausto Ucraíno"[2], significando que esa traxedia resulta dunha acción deliberada de exterminio desencadeada polo réxime soviético contra o pobo ucraíno, en canto entidade socio-étnica.
Tendo como referencia o concepto de xenocidio[3][4] e a súa definición xurídica[5][6], verifícase un crecente consenso da historiografía, relativo á natureza xenocida do Holodomor[7][8][9][10][11][12][13][14][15]. Por outra banda, hai un número cada vez maior de países que o recoñecen oficialmente como un acto de xenocidio, como España[16].
A palabra Holodomor resulta da expresión ucraína 'Морити голодом' (moryty gholodom), que significa "matar pola fame". O termo foi empregado por vez primeira polo escritor Oleksa Musienko, nun relatorio[17].
No cuarto sábado do mes de novembro, Ucraína[18][19] e as comunidades ucraínas implantadas en diversos países de acollemento[20][21] renden homenaxe ás vítimas do Holodomor.