Jane Joseph
From Wikipedia, the free encyclopedia
Jane Marian Joseph, nada o 31 de maio de 1894 en Londres (Inglaterra) e finada na mesma cidade o 9 de marzo de 1929, foi unha compositora, arranxadora e profesora de música inglesa. Foi alumna e posteriormente compositora asociada de Gustav Holst, e estivo estreitamente implicada na organización e na xestión de varios festivais de música que Holst patrocinou. Moitas das súas obras foron compostas para ser interpretadas nestes festivais e en ocasións similares. A súa morte prematura, que impediu a plena realización do seu talento, foi considerada polos seus contemporáneos como unha perda considerable para a música inglesa.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de maio de 1894 Londres, Reino Unido |
Morte | 9 de marzo de 1929 (34 anos) Londres, Reino Unido |
Causa da morte | insuficiencia renal |
Lugar de sepultura | Cemitério judaico de Willesden (pt) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido |
Educación | St Paul's Girls' School (en) Girton College |
Actividade | |
Ocupación | compositora , profesora de música |
Profesores | Gustav Holst |
Alumnos | Imogen Holst |
Lingua | Lingua inglesa |
Holst foi o primeiro en observar o potencial de Joseph cando estaba a ensinarlle composición na St Paul's Girls' School. Comezou a actuar como a súa copista en 1914, cando estaba a compoñer The Planets, a súa especial responsabilidade era a preparación da partitura do movemento "Neptune". Continuou a asistir a Holst con transcricións, arranxos e traducións, e foi a súa libretista para o ballet coral The Golden Goose. Durante a súa breve vida profesional converteuse en membro activo da Society of Women Musicians, foi a principal promotora do primeiro Kensington Musical Competition Festival, e axudou a fundar a Kensington Choral Society. Tamén ensinou música en escolas femininas, onde a filla de Holst, Imogen, foi unha das súas alumnas, e converteuse nunha das figuras máis importantes na vida musical do Morley College.
A maioría da obra musical de Joseph nunca foi publicada e perdeuse. Das súas obras publicadas, dúas das súas primeiras pequenas pezas para orquestra, Morris Dance e Bergamask conseguiron eloxios considerables por parte da crítica, aínda que nunca chegaron a formar parte do repertorio orquestral habitual. Dúas obras corais, A Festival Venite e A Hymn for Whitsuntide foron admiradas durante a súa vida, mais raras veces foron interpretadas dende aquela. A súa panxoliña A Little Childe There is Ibore foi considerada por Holst como unha das mellores no seu xénero. Nas oito décadas posteriores á súa morte non se realizaron gravacións comerciais da música de Joseph,[nota 1] mais houbo interpretacións radiofónicas ocasionais.