John Dramani Mahama
From Wikipedia, the free encyclopedia
John Dramani Mahama, nado en Damongo o 29 de novembro de 1958, é un historiador, escritor e político ghanés que ocupou o cargo de presidente de Ghana desde o 24 de xullo de 2012 até o 7 de xaneiro de 2017. Foi deputado de 1997 a 2009, e ministro de Educación de 1998 a 2001.[1] Era compañeiro de fórmula de John Evans Atta Mills, do Congreso Nacional Democrático, nas eleccións xerais de 2008, triunfando por unha estreita marxe en segunda volta e converténdose en Vicepresidente. Tras o falecemento de Atta Mills por un cancro de larinxe, o 24 de xullo de 2012, Mahama converteuse en presidente e foi elixido candidato do seu partido para as seguintes eleccións presidenciais, nas que triunfou por unha marxe moi estreita, do 50,70%, contra Nana Akufo-Addo, do Novo Partido Patriótico. Mahama converteuse así no primeiro Presidente de Ghana nacido despois da independencia do país, en 1957, e o único até agora en servir en todos os niveis da función política de Ghana (deputado, viceministro, ministro, vicepresidente e presidente).
Xurou o cargo presidencial para un mandato completo o 7 de xaneiro de 2013. O seu mandato caracterizouse por numerosos escándalos de corrupción, sobre todo a partir da segunda metade do mesmo, así como por un empeoramento da situación económica, o cal minguou severamente a súa popularidade inicial e a do seu partido.[2][3] En 2016, Mahama presentouse para a reelección, sendo derrotado nas eleccións por Akufo-Addo, que obtivo unha ampla vitoria co 54% dos votos. Mahama foi así o primeiro Presidente ghanés que fracasaba en obter a reelección. Mahama entregou o cargo o 7 de xaneiro de 2017.