Litostomatea
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Litostomatea son unha clase de protistas ciliados.[1] Ata tempos bastante recentes, a clase Litostomatea fora dividida en dous grupos, os Haptoria e os Trichostomatia. Porén, a nova información xenética obtida tivo como resultado a resurrección dunha terceira subclase, Rhynchostomatia, que fora proposta por A. W. Jankowski en 1980.[2] Os Haptoria inclúen principalmente a formas carnívoras, por exemplo Didinium, unha especie que depreda principalmente no ciliado Paramecium. Os Trichostomatia (tricostomos) son principalmente endosimbiontes no tracto dixestivo de vertebrados. Entre eles está a especie Balantidium coli, que é o único ciliado que parasita aos humanos. Os Rhynchostomatia inclúen dous xéneros de vida libre, que previamente formaban parte dos Haptoria, pero agora descubriuse que son xeneticamente distintos deles, os Dileptida e os Tracheliida.[3]
Litostomatea | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Balantidium coli (Vestibulifera) | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Ordes típicos | |||||||||||
Subclase Haptoria |
Os cilios corporais orixínanse en monocinetias, que teñen unha disposición estrutural característica do grupo. A zona oral é apical ou subapical. Nos tricostomos sitúase nunha depresión ou vestíbulo, que contén cilios somáticos modificados. Nunha orde, os Entodiniomorphida, os cilios están dispostos en penachos ou bandas, e poden estar unidos formando sincilios, que semellan as membranelas e os cirros de espirotricos (entre os cales estaban clasificados orixinariamente) e outros ciliados. Porén, non aparecen verdadeiros cilios compostos.
Nos Haptoria a boca está tipicamente rodeada por un anel de cilios coronais, que brotan de dicinetias derivadas da parte anterior das cinetias do corpo, e un anel de extrusomas característicos chamados toxicistos. Estes descargan en contacto coa presa, penetrándoa e inmobilizándoa, e empezando a súa dixestión. Nalgunhas formas a boca fórmase só durante a alimentación, e evaxínase para axudar á captura do alimento. A citofarinxe ten forma de tubo estreito, sostido por unha especie de bastonciños chamados nematodesmos, que se dilatan moito durante a inxestión. Esta estrutura denomínase rhabdos, e é funcional e estruturalmente distinta do cyrtos que presentan outras clases.