Marianne Faithfull
cantante británica / From Wikipedia, the free encyclopedia
Marianne Evelyn Gabriel Faithfull, nada en Hampstead (Londres) o 29 de decembro de 1946, é unha cantante, compositora e actriz inglesa. Acadou popularidade na década de 1960 coa publicación do seu éxito "As Tears Go By"[1] e converteuse nunha das artistas femininas principais durante a British Invasion dos Estados Unidos.
Faithfull comezou a súa carreira en 1964 tras asistir a unha festa de The Rolling Stones, onde foi descuberta por Andrew Loog Oldham. Trala publicación do sinxelo "As Tears Go By", converteuse nunha estrela internacional. O seu álbum debut Marianne Faithfull (1965) (publicado simultaneamente co seu álbum Come My Way) foi un éxito comercial ao que seguiron varios álbums en Decca Records. Entre 1966 e 1970, mantivo unha publicitada relación con Mick Jagger. A súa popularidade aumentou cos seus papeis no cinema, como en I'll Never Forget What's'isname (1967), The Girl on a Motorcycle (1968) e Hamlet (1969). Porén, a súa fama foi superada polos problemas persoais da década de 1970. Nese tempo foi anoréxica, sen fogar e adicta á heroína.[2]
Coñecida pola súa distintiva voz, a anteriormente melodiosa e con rexistros vocais altos de Faithfull (que prevalecían na súa carreira na década de 1960) foi afectada por unha larinxite severa, mesturada co abuso das drogas, alterando permanentemente a súa voz, deixándoa áspera, crabada e ton máis baixo. Este novo son foi eloxiado como "empapado en whisky" por algúns críticos por axudar a capturar as crúas emocións expresadas pola súa música.[2]
Tras unha longa ausencia comercial, Faithfull volveu coa estrea en 1979 do aclamado álbum Broken English. O disco foi un éxito comercial e marcou un rexurdimento da súa carreira musical. Broken English valeulle a Faithfull unha candidatura ao Grammy á mellor interpretación feminina de rock e adoita ser recoñecido como a súa "gravación definitiva". Tamén escribiu tres libros sobre a súa vida, Faithfull: An Autobiography (1994), Memories, Dreams & Reflections (2007) e Marianne Faithfull: A Life on Record (2014).
Faithfull apareceu na listaxe de VH1 das "100 Grandes Mulleres do Rock and Roll". Recibiu o World Lifetime Achievement Award no Women's World Award 2009 e foi nomeada Commandeur da Ordre des Arts et des Lettres polo goberno de Francia.