Mazá
froito / From Wikipedia, the free encyclopedia
A mazá[1] é o froito comestible da maceira, máis particularmente, da maceira doméstica (Malus domestica), árbore froiteira amplamente cultivada. É unha froita pomácea de forma redonda e sabor máis ou menos doce ou ácido segundo as variedades. O estudo do cultivo das mazás constitúe unha parte da pomoloxía, que é a rama da botánica que estuda as froitas.
As maceiras cultívanse en todo o mundo e son as especies máis cultivadas do xénero Malus. A árbore é oriúnda de Asia Central, onde aínda se encontra hoxe en día o seu antecedente salvaxe, Malus sieversii. Levan cultivándose miles de anos en Asia e Europa, e foron levadas a América polos colonos europeos. As mazás teñen un significado relixioso e mitolóxico en moitas culturas, coma a nórdica, a grega ou a cristiá europea.
A selección artificial permite controlar o tamaño da árbore e conseguir diversos gustos e usos, o que resulta nunha gama de características desexadas para diversos usos como cociñar, comer cru ou producir sidra. Xeralmente, os cultivares de mazás, dos que se coñecen máis de 7 500, propáganse enxertando en portaenxertos que controlan o tamaño da árbore resultante. As maceiras grandes cultívanse a partir de sementes.
As árbores e os froitos son propensos a unha serie de problemas de fungos, bacterias e pragas que poden seren controlados por unha serie de medios orgánicos e non orgánicos. O xenoma do froito foi secuenciado en 2010, como parte dunha investigación sobre a reprodución selectiva e o control de enfermidades na produción de mazás.
A produción mundial de mazás en 2019 foi de 87 236 221 t, das que case a metade (máis de 42 millóns de toneladas) producíronse na China.[2]