Menisco (líquidos)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O menisco (do grego mene, 'lúa' e o diminutivo iskos, 'pequena lúa', 'luíña'[1]) é a curva que se forma na superficie dun líquido preto da superficie do recipiente que o contén ou doutro obxecto, causada pola tensión superficial. Pode ser cóncavo ou convexo dependendo do líquido e da superficie sobre a que se forma.
Os meniscos cóncavos fórmanse cando as partículas do líquido son atraídas máis fortemente polo recipiente (adhesión) do que se atraen entre si (cohesión), causando que o líquido "trepe" polas paredes do recipiente. Isto é o que ocorre entre o cristal e a auga. Os fluídos baseados na auga como o zume elaborado de plantas, mel e leite tamén teñen meniscos cóncavos nos recipientes de cristal ou outros recipientes humedecibles.
Inversamente, orixínanse meniscos convexos cando as partículas no líquido teñen unha atracción máis forte entre elas que co material do recipiente.[2] Prodúcense meniscos convexos, por exemplo, entre o mercurio e o cristal nos barómetros[2] e termómetros.