Música experimental
From Wikipedia, the free encyclopedia
Música experimental é unha etiqueta xenérica para calquera tipo de música que desafía os límites e as definicións de xénero existentes.[1] A práctica compositiva experimental defínese en termos xerais por sensibilidades exploratorias radicalmente opostas a convencións instiucionalizadas de composición, interpretación, e estética na música, ademais de cuestionarse estas convencións.[2] (Sun 2013). Entre os elementos da música experimental inclúese a música indeterminada, na cal o compositor introduce elementos de azar ou impredicibilidade na composición ou na súa interpretación. Os artistas tamén poden abordar a experimentación dende un híbrido de estilos dispares ou incorporar elementos pouco ortodoxos e únicos.[1]
A práctica fíxose prominente a mediados do século XX, particularmente en Europa e América do Norte. John Cage foi un dos primeiros compositores en usar o termo e un dos principais innovadores da música experimental, usando técnicas de indeterminación e buscando resultados descoñecidos. En Francia, xa no ano 1953, Pierre Schaeffer comezara a usar o termo musique expérimentale para describir actividades de composición que incorporaban música de cinta, musique concrète, e elektronische Musik. Tamén nos Estados Unidos usouse o termo cun sentido un pouco distinto a finais dos anos 50 para describir a composición controlada por ordenador asociada a cmpositores como Lejaren Hiller. Harry Partch e Ivor Darreg, traballaron con outras escalas de afinación baseadas nas leis físicas da música harmónica. Para esta música os dous desenvolveron un grupo de instrumentos musicais experimentais. A musique concrète é unha forma de música electroacústica que utiliza son acusmático como recurso composicional. A improvisación libre ou música libre é música improvisada sen ningunha regra máis aló do gusto ou inclinación dos músicos involucrados; en moitos casos os músicos fan un esforzo activo para evitar clichés, é dicir, referencias sobre convencións ou xéneros musicais recoñecibles.