Nacionalismo español
ideoloxía política / From Wikipedia, the free encyclopedia
O nacionalismo español é o movemento social, político e ideolóxico que conformou desde o século XIX a identidade nacional de España.[1]
Non é propiamente un nacionalismo irredentista: a única reivindicación territorial identificada como “nacional” foi Xibraltar (desde o século XVIII); o resto das reivindicacións territoriais foron historicamente as coloniais ou imperiais (durante o século XIX contra a independencia de Hispanoamérica e no século XX sobre o Magreb). Tampouco ten sido un nacionalismo centrípeto (que pretendese unificar comunidades de españois sometidas a outras soberanías), pero si presenciou o nacemento de nacionalismos periféricos[2] que, desde finais do século XIX, funcionaron como movementos nacionalistas centrífugos (que pretenden a conformación de identidades nacionais alternativas).[3]
Como nos demais estados-nación de Europa Occidental (Portugal, Francia e Inglaterra), a conformación dunha monarquía autoritaria desde finais da Idade Media produciu o desenvolvemento secular paralelo do Estado e a Nación en España, baixo as sucesivas conformacións territoriais da Monarquía Hispánica.[4] Como ocorreu en cada un dos outros casos, a identidade nacional e a mesma estrutura territorial terminou dando moi distintos produtos; pero sempre, e no caso español tamén, como consecuencia da forma en que as institucións responderon á dinámica económica e social (en ocasións, malia esas mesmas institucións), e sen acabar de presentarse no seu aspecto contemporáneo ata que non terminou o Antigo Réxime. O factor de identificación máis claro foi durante todo ese período o étnico-relixioso, expresado na condición de cristián vello. Ao final do período (século XVIII) foise acentuando o factor de identificación lingüístico en torno ao castelán ou español, con novas institucións como a Real Academia Española.