Oscillococcinum
From Wikipedia, the free encyclopedia
Oscillococcinum (ou Oscillo[1][2]) é unha preparación homeopática que se vende para aliviar os síntomas da gripe, aínda que non está demostrado que proporcione ningún beneficio máis alá do placebo. É unha preparación bastante popular nalgúns países, especialmente en Francia e Rusia.
Oscillococcinum promociónase segundo o principio homeopático non probado de que "o similar cura o similar" e que unha doenza pode curarse con pequenas cantidades da substancia que causa síntomas similares. A empresa francesa Boiron é o seu único fabricante. Oscillococcinum utilízase en máis de 50 países e leva producíndose desde hai uns 65 anos.
Oscillococcinum foi proposto orixinalmente como remedio polo médico francés Joseph Roy, que se baseou nunha identificación errada que el fixera dunha suposta bacteria oscilante que el nomeou oscillococcus que atopara en vítimas da epidemia de gripe española de 1917–1918. J. Roy dixo que detectara a mesma bacteria tamén en pacientes de cancro e en fígado de pato e propuxo unha preparación homeopática como remedio para a gripe española. Dito microbio que J. Roy dixo que vira non foi nunca observado independentemente por ningún outro investigador. Ademais, sábese perfectamente que a gripe é causada por un virus e non por unha bacteria.[3]
A preparación obtense do fígado de pato e é extremadamente diluída ata 200C (na escala de dilucións homeopáticas), unha proporción dunha parte de víscera de pato en 10400 partes de auga, polo que polos principios da química non é razoablemente esperable que conteña ningunha molécula do principio activo.[4] Os homeópatas afirman que as moléculas deixan unha "impronta" na dilución que causa os efectos curativos no corpo; aínda que non hai ningunha proba que apoie este mecanismo de eficacia, alén do efecto placebo.[5][6][7]