Pobos illados
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os pobos illados, tamén chamados pobos non contactados ou tribos perdidas, son comunidades que viven, ou viviron, ora pola súa propia elección (pobos que viven nun illamento voluntario) ou por outras circunstancias, sen ter contacto coa civilización global. Poucos pobos permaneceron totalmente illados da civilización global. Os activistas dos dereitos indíxenas loitan porque estes grupos sexan deixados sós, alegando que no caso contrario iso interferiría no seu dereito de autodeterminación.[1]
No 2013, estimouse a existencia de máis de 100 tribos non contactadas en todo o mundo, a maioría nas densas áreas selváticas de América do Sur, África central e Nova Guinea.[2] O coñecemento da existencia destes grupos provén do infrecuente e ás veces violento encontro con outras tribos veciñas, así como de fotografía aérea. As tribos illadas poden non ter inmunidade para infeccións e doenzas comúns, que poden matar unha gran porcentaxe do seu pobo despois do contacto.[3][4]